Historia

A Cooperativa de Ensino Santiago Apóstol nace en 1976 como froito dunha profunda e responsábel inquietude de renovación e cambio tanto a nivel educativo como socio-laboral, sendo a primeira Cooperativa de Ensino da Provincia de Pontevedra. Unha verdadeira “revolución” no sistema Educativo que antepón os principios pedagóxicos  e o espírito de Cooperativismo, antes que calquera outro intento meramente económico.

Foi esta unha iniciativa sen dúbida arriscada, unha aposta de futuro que hoxe podemos dicir que é unha fermosa realidade consolidada. En poucos anos esta modalidade de Cooperativismo esténdese a nivel autonómico co xurdimento de novas Cooperativas de Ensino.

A nosa traxectoria no tempo, pasa dun local en Avda José Solla en Arcade no que contabamos cunha liña dos 5 anos a 8º de E.G.B., á inauguración das actuais instalacións o 10 de outubro de 1981, nas que que ofrecemos un servizo á Comunidade Educativa que abrangue dende os catro meses ata o Bacharelato.

Este “éxito” non sería posíbel sen o esforzo e a entrega de todos e cada un dos profesionais que integran a Cooperativa, e o apoio incondicional de pais e nais de alumnos/ás do Colexio que creron e cren no noso Proxecto Educativo. Un Proxecto Educativo baseado na igualdade de oportunidades, no respecto á diversidade, no desenvolvemento integral da persoa e no convencemento de que todo esforzo vale a pena.