Educación Primaria

A finalidade educativa da Primaria é favorecer que o neno/a realice as aprendizaxes necesarias para vivir e integrarse na sociedade de forma crítica e creativa, procurando que este proceso de ensino e aprendizaxe lle resulte gratificante. Isto equivale ao desenvolvemento integral da persoa e ao logro da propia autonomía e da identidade persoal e social.

Dende o colexio impulsamos a acción autónoma do neno no medio, sobre a base dun axeitado equilibrio afectivo e social e tratamos de conseguir que o neno teña unha imaxe positiva de si mesmo, proporcionamos un medio rico en relacións persoais cos compañeiros e cos adultos, a través do xogo, a comunicación, o diálogo, o traballo en equipo para favorecer o desenvolvemento da participación, a responsabilidade, o respecto aos dereitos dos demais, a tolerancia e o sentido crítico que configuran as actitudes básicas para a convivencia democrática. E, por suposto, impartimos os contidos das distintas áreas para que os nosos alumnos adquiran os conceptos, procedementos e actitudes necesarios para a súa promoción na seguinte etapa.

Tamén dende o Colexio impulsamos o desenvolvemento de actitudes de colaboración para o coidado e conservación do Medio-Ambiente, así como o coidado do seu propio corpo e da súa alimentación. Perseveramos na consecución de actitudes de tolerancia, de respecto e de non discriminación.

De todo iso  dedúcese o noso afán por conseguir educar e instruír para a vida os nosos nenos e nenas e preparalos para Educación Secundaria Obrigatoria.